As Pontes aposta por converter o centro urbano nun museo a ceo aberto

As Pontes aposta por converter o centro urbano nun museo a ceo aberto.

O Concello de As Pontes, co obxectivo rexenerar diferentes espazos do núcleo urbano do municipio, puxo en marcha, esta semana, un conxunto de intervencións plásticas, baseadas na técnica do muralismo que permitirán darlle unha nova imaxe e significado a tres zonas emblemáticas da vila.

Tres artistas galegos, cunha ampla traxectoria profesional e de recoñecida sona dentro do ámbito da arte urbana, serán os encargados de encher de vida e cor os muros e paredes localizadas na rúa Santiago (zona do Rego do Campo), Praza do Hospital (intersección da rúa Castelao coa Avenida da Habana), e na Avenida de Galicia (ó carón da ponte de Isabel II).

Lula Goce será a artista responsable de darlle vida ó muro situado na rúa Santiago, cun mural hiperrealista no que unha figura feminina, de gran tamaño, atraerá a mirada dos viandantes xunto con singulares xogos de luces e sombras e o seu característico uso da cor. “Trátase dunha das máximas expoñentes do muralismo en España, con obras de gran formato a ceo aberto que se poden contemplar en moitas cidades e vilas galegas pero tamén en España, Bélxica, Italia, Alemaña, Irlanda, Estados Unidos ou México e agora na nosa vila, converténdonos nun foco de atención para o mundo da arte” subliña Sonia Sueiro, concelleira de Cultura.

Miguel Ruíz (alias Sekone), artista coñecido polas súas obras hiperrealistas de obxectos cotiás pero tamén de rostros humanos nos que se poden percibir os detalles das expresións faciais, será o encargado de realizar a intervención no entorno da Praza do Hospital. Elaborará, empregando a técnica do graffiti, un mural no que amosará a súa peculiar visión sobre o noso pasado, tomando como punto de partida as imaxes que o Concello de As Pontes foi recompilando, coa axuda da veciñanza, para o proxecto de memoria colectiva Daquela As Pontes. O artista xogará con diferentes instantáneas, poñendo o foco de atención nas facianas e nos elementos cotiás de épocas pasadas.

The following two tabs change content below.
Etiquetado , , ,