Concurso para o deseño do cartel das Festas de Ourense 2017

Concurso para o deseño do cartel das Festas de Ourense 2017

A Concellería de Cultura do Excmo. Concello de Ourense, convoca un concurso para a confección do cartel anunciador das Festas de Ourense 2017. As bases foron aprobadas na Xunta de Goberno Local do pasado xoves día 27 de abril.

Fin do prazo: sábado 20 de maio.

BASES DO CONCURSO PARA O DESEÑO DO CARTEL DAS FESTAS DE OURENSE 2017

A Concellería de Cultura do Excmo. Concello de Ourense, convoca un concurso para a confección do cartel anunciador das Festas de Ourense, de acordo coas seguintes bases:

1. TEMÁTICA: Os carteis serán representativos e estarán relacionados coas Festas da cidade de Ourense.

2. PARTICIPANTES: Poderá concursar toda persoa física ou xurídica.

3. RECEPCIÓN DAS OBRAS: Os traballos serán entregados no Rexistro Xeral do Concello nun sobre, onde figurará “Concurso carteis Festas 2017” e debaixo un pseudónimo ou lema; dentro deste, nun sobre pechado, no que figurará por fóra o mesmo pseudónimo ou lema, os datos de identificación, enderezo e teléfono. Só se abrirá o sobre da obra que resulte premiada. O prazo límite para todos os efectos de presentación, será de 20 días naturais que comezarán a contar desde a publicación na páxina web do Concello ( www.ourense.gal), e nun xornal de máxima difusión provincial.

4. DEVOLUCIÓNS DAS OBRAS: Os traballos presentados quedarán en poder do Excmo. Concello de Ourense. O deseño gañador será empregado como imaxe das Festas de Ourense. Os restantes poderán pasar a recollelos nun prazo de 30 días seguintes á finalización do concurso, xuntando a folla que reciben en rexistro.

5. FORMATO: Os carteis deberán de incluír obrigatoriamente o seguinte texto: “Festas de Ourense 2017” A obra deberá ser orixinal e inédita, non debendo ter sido premiadas anteriormente nin atoparse pendentes da resolución do xurado noutros concursos.

A obra será presentada en dous tipos de soporte:

  • Gravados en alta resolución nun CD (lexible en PC), en formato editable: Adobe Photoshop, Illustrator o Freehand.
  • Impresos e pegados sobre cartón pluma debidamente protexido de tamaño 50×70 cm. adoptando forma vertical.

Ademais, terán un espazo libre igual ou superior a 5 centímetros de alto no seu borde inferior para que, con carácter anterior á impresión, a Concellería de Cultura poida incorporar os logotipos e lendas que considere oportunos. Se a execución técnica dos carteis requirise algunha modificación para a súa mellor impresión, a Concellería de Cultura poderá impor esta variación logo da consulta co/ a autor/ a. Valorarase positivamente a creatividade neste sentido e o encaixe do anagrama municipal. O cartel elixido será utilizado tamén como imaxe gráfica integrante dos anuncios na prensa escrita, carteis, mobiliario urbano publicitario, e outros elementos divulgativos que editará o Concello para promocionar o programa de actividades desta festa. As adaptacións serán as que indique o Gabinete de Comunicación para que os resultados acaden a mellor eficiencia en cadaun dos soportes.

6. PREMIO: O premio do concurso será de 1.000 € (mil euros) para o traballo gañador, que poderá ser declarado deserto se o xurado así o considerase oportuno. É imprescindible facilitar a ficha de terceiros no prazo dos 10 días hábiles seguintes á notificación do premio. De non ser así, entenderase que o/ a agraciado/ a renuncia ao premio. O/ a autor/a do cartel gañador do concurso terá a posibilidade de realizar as adaptacións aos diferentes formatos, sempre e cando acredite experiencia na realización de traballos similares, e oferte ao Concello a súa execución a un prezo de mercado igual ou menor ao que oferten empresas do sector, e acredite a alta nunha actividade empresarial ou profesional relacionada co obxecto desta prestación. De non ser así, o Concello poderá encargar estas adaptacións a unha empresa especializada.

7. PROPIEDADE DAS OBRAS: Os carteis premiados deberán presentarse en formato electrónico para a súa mellor reprodución e adaptación, e pasarán a ser propiedade municipal con todos os dereitos de libre reprodución e difusión.

8. XURADO: O xurado seleccionará 5 (cinco) dos carteis presentados. A decisión do xurado será inapelable. Estará formado polas seguintes persoas:

  • Concelleira de Cultura (ou a persoa en quen delegue) que presidirá o xurado.
  • Dous/ dúas funcionarios (as) da Concellería de Cultura, dos que un/ unha actuará de secretario/ a.
  • A directora de áreas expositivas do Concello de Ourense.
  • Dous/ dúas representantes do campo do deseño, a comunicación ou as artes.
  • Un/ unha técnico do Gabinete de Prensa do Concello de Ourense.

O xurado valorará o conxunto de debuxos presentados tendo en conta a adecuación á temática, a orixinalidade e a calidade artística. De entre os traballos recibidos, seleccionará 5 (cinco) para que poidan ser elixidos mediante votación aberta á cidadanía.

9. DECISIÓN DO XURADO: Os cinco carteis seleccionados faranse públicos por comunicado oficial de prensa aos medios de comunicación e na páxina web do Concello www.ourense.gal e da Concellería de Cultura www.ourensecultura.com. A partir dese momento, ofrecerase información do sistema que se deberá seguir para votar ao cartel gañador de entre os seleccionados.

10. DECISIÓN POPULAR: Este voto, reflectirá o resultado definitivo do proceso electivo. Será aberto a participación cidadá, que mediante un sistema telemático poderá elixir o cartel gañador de entre os cinco seleccionados con anterioridade polo xurado.

A consulta dos carteis seleccionados será posible a través da plataforma telemática que se cree para tal efecto, e tamén mediante a instalación de reproducións destes nun espazo de concorrencia da cidade.O prazo de votación permanecerá aberto durante 5 días.

11. ACEPTACIÓN DAS BASES: As persoas participantes, polo feito de concursar, aceptan todos os puntos contidos nestas bases e as decisións do xurado sen dereito a reclamación. As persoas participantes autorizan o tratamento de datos persoais e a súa inclusión nun ficheiroxestionado polo Concello de Ourense coa finalidade de estatística. A persoa interesada poderá exercitar en todo momento os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición recoñecidos na Lei Orgánica 15/1999 mediante correo electrónico cultura@ourense.es ou por correo ordinario á Concellería de Cultura (rúa da Canle 2– 32005 Ourense).

Etiquetado ,,,,,

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *