Cristina Pato recibirá unha medalla Castelao, a condecoración máis importante que outorga o Goberno galego.

Cristina Pato recibirá unha medalla Castelao, a condecoración máis importante que outorga o Goberno galego.

A gaiteira ourensá recibirá unha medalla Castelao, a condecoración máis importante que outorga o Goberno galego, segundo vén de informar o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. O resto das persoas e colectivos recoñecidos son Xosé Ramón Gayoso, Justo Beramendi, o Grupo Nove e o Centro Oceanográfico de Vigo.

Este anuncio coincide coa actuación hoxe mesmo de Cristina Pato no Concerto de Despedida de Alan Gilbert, o director artístico da New York Philharmonic, unha das orquestras máis destacadas do planeta. Alí a gaiteira tocará xunto con Yo-Yo Ma ao cello e o propio Gilbert ao violín, ademais doutros músicos de Silk Road. As entradas están esgotadas desde hai semanas.

Este concerto está enmarcado dentro dun programa que o director da NY Philharmonic quixo denominar “A concert for unity”, chamando a crear unha diplomacia cultural a través da música. É un conxunto de tres concertos e un simposio no que participan tamén moitos outros músicos como o trompetista Wynton Marsalis. É por iso que quixo contar con Silk Road, a formación de Yo-Yo Ma da que forma parte Cristina Pato, con músicos de todo o mundo, coa idea de crear unha orquestra que quere representar a globalidade.

O 8 de xuño Cristina Pato interpretará unha peza concibida e encargada por ela -The Latina 6/8 Suite- e escrita polo compositor Edward Perez a partir do proxecto do seu último disco, Latina. Tocarán con ela Yo-Yo Ma, Edward Perez e o propio Alan Gilbert.

Trátase de facer unha viaxe a través da inmigración que comeza coa historia dun poeta de Al Andalus que chegou a Damasco -Ibn Arabi Postlude de Kinan Azmeh- e continúa con The Latina 6/8 Suite, que conta a historia de que se unha palabra (latina) pode definir tantas nacións, entón un só ritmo tamén nos podería representar, referíndose ao patrón básico de 6/8 dunha muiñeira pero tamén de moitos máis ritmos destes países, como a tarantella. Dentro do programa tamén interpretarán a sétima Sinfonía de Mahler.

Primeira gaiteira en tocar coa NY Philharmonic

Cristina Pato xa ten actuado anteriormente coa New York Philharmonic: en febreiro de 2015 convertiuse na primeira gaiteira en tocar con esta afamada orquestra, nun concerto no que interpretaron Rose of the Winds de Osvaldo Golijov. Aquí vai o enlace ao vídeo gravado para o telexornal da TVG naquela ocasión.
A gaiteira volve a Nova York logo dunha xira este maio pola República Dominicana con Silk Road Ensemble, a banda liderada polo cellista Yo-Yo Ma da que é membro. Alí o 27 de maio participaron nunha proxección especial do documental de Morgan Neville The Music of Strangers, no que a propia Cristina é unha das protagonistas, con posterior concerto. O programa estaba organizado por The Muse Seek Project, que fomenta a inclusión e ten como obxectivo abrir o mundo da música aos nenos xordos en toda a República Dominicana. Tamén participaba a Unesco e ONU Mulleres.

Mentres, Cristina Pato continúa como “artista distinguida” no Departamento de Música da Universidade de Harvard logo de impartir un curso sobre etnomusicoloxía nesta institución. De feito o pasado 13 de maio Pato participou xunto con Howard Gardner e Steve Seidel na celebración dos 20 anos do Master en Artes na Educación desta universidade.

Cristina Pato

Cristina Pato é unha mestra gaiteira, pianista clásica e educadora apaixonada. Aclamada como “unha virtuosa explosión de enerxía” polo New York Times, e como “un dos mestres vivos da gaita” polo Wall Street Journal, a súa vida profesional está dedicada ao intercambio cultural e a forxar novos camiños para a gaita galega. Cristina ten actuado en grandes escenarios de todo o mundo e ten lanzado e producido seis discos como gaiteira solista e dous como pianista, e colaborado en máis de 40 gravacións como artista invitada.

A educación xoga un papel esencial na vida persoal e profesional de Cristina. Actúa como asesora de Educación do Silkroad, ten sido artista residente en varias universidades, incluindo Harvard, a Universidade de California, Santa Barbara, e o College of the Holy Cross, e é a fundadora do festival multidisciplinar Galician Connection.

Cristina posúe un Doutoramento en Musical Arts in Collaborative Piano pola Rutgers University (EE.UU.), títulos de Piano, Teoría da Música e Música de Cámara polo Conservatorio de Musica do Liceu, e o Master en Artes Dixitais (Música Dixital) da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona.

The following two tabs change content below.
"Un hombre con una idea nueva es un loco hasta que la idea triunfa."
Etiquetado , , , , ,