Crónica: O SonRías Baixas celebra a edición máis madura dos seus 15 anos de historia

Crónica: O SonRías Baixas celebra a edición máis madura dos seus 15 anos de historia.

  • O festival foi pioneiro en utilizar a tecnoloxía intelixente cashless, baseada en chips RFID, tanto para os pagos como para os accesos ao recinto.
  • Estopa, Amparanoia e Dubioza foron as bandas máis aclamadas polos asistentes.
  • Esta edición do SonRías Baixas supuxo unha inxección económica de 1.500.000 euros para a zona e contou 400 traballadores e traballadoras durante a celebración do evento.

Os pasados 3, 4 e 5 de agosto, o SonRías Baixas converteu Bueu no epicentro do rock e das músicas do mundo, ao encher a vila de festivaleiros e festivaleiras procedentes de diversos puntos do mapa. Nesta edición, quedou patente que o evento é moito máis que un festival, é toda unha experiencia que unifica unha localización urbana e natural única cunha completa programación musical e cultural que combina a música con disciplinas como a gastronomía ou o audiovisual. Desde a zona de acampada á beira da praia ata as propostas musicais e gastronómicas, todo foi artellado de tal xeito que se creou unha experiencia única para todos os asistentes.

A edición máis madura da historia do festival
A organización quixo anticiparse ás novas tendencias, amosando o seu carácter pioneiro, ao utilizar por primeira vez en Galicia as pulseiras cashless para permitir o acceso ao recinto e para pagar en todos os puntos de comida, bebida e merchandising, ofrecendo ao público asistente a posibilidade de deixar o diñeiro en efectivo e as tarxetas bancarias na casa. Para poder implantar no evento esta tecnoloxía, baseada en chips RFID, a organización contou con 85 dispositivos de punto de venda, canxeo de entradas, recarga TOP-UP e control de acceso, 3 liñas de fibra R e 6 liñas 4G sen límite de tráfico de datos de Vodafone. Un auténtico despregamento de medios e de personal humano para a edición máis madura da historia do festival, que tamén deu un gran salto adiante noutras áreas como produción, loxística ou comunicación, contando con case 60 profesionais de diversos medios de comunicación acreditados e congregando a cinco equipos de gravación audiovisual traballando simultaneamente durante o evento.

Os concertos
A Festa de Benvida iniciou o xoves os tres días de intensa troula e actividade con 2.500 persoas, que se achegaron ata o Escenario Super Bock do Multiusos A Estacada de Bueu para gozar da música de Pedrá, un grupo de tributo a Extremoduro que leva dende 2009 cultivando éxitos e boas críticas por toda a xeografía española. Na noite do venres, 3.500 asistentes contaxiáronse coa alegría mestiza de Amparanoia -unha das artistas máis aclamadas desta edición-, a forza combativa de Sés, o punk-reggae dos arxentinos Todos Tus Muertos, o rock combativo dos sevillanos Narco e o ska combativo dos Dakidarría.

O sábado 5, día grande do festival, as actividades comezaron ao mediodía na Praia da Banda do Río, cunha nova edición do Casa SonRías, un peculiar restaurante musical no que os Poetarras prepararon Rodaballo guisado e Anguriñas ao allo con gambón, man a man cos cociñeiros de El Rincón de Cela e Ipeansa catering. Arredor dunhas 2.000 persoas gozaron da ambientación musical no Escenario Pescanova a cargo de Guerrera, Hexany, The Soul Breakers e Wöyza para poder asistir despois ás proxeccións de curtas musicais no Centro Social mar de Bueu. Xa pola noite, e para despedir o SonRías Baixas, 5.000 persoas viviron unha unha enerxética noite de concertos, coa rumba festiva dos Estopa – protagonistas do concerto con maior afluencia de público-, a delirante combinación de ska, punk, reggae, dub e folclore dos bosnios Dubioza Kolectiv -o gran descubrimento para o público desta edición-, a descarga dos valencianos Zoo, o rock con acento flamenco do proxecto persoal do cantante de El Puchero del Hortelano, Arco, e o Dj SonRías.

Impacto económico na zona
Dende a organización afírmase, asimesmo, que o Festival SonRías Baixas 2017 supuxo para Bueu unha inxección económica de 1.500.000 euros, chegándose ao pleno de ocupación hoteleira en toda a comarca e a bares e restaurantes da zona sen existencias nalgúns casos. Coa finalidade de que a actividade do Festival repercutise o máximo posible na zona, dende a organización afirman que sempre intentaron priorizar na búsqueda de profesionais e empresas proveedoras a nivel local. Así, nesta edición, contratáronse os servizos de 135 proveedores e máis de 400 persoas traballaron durante a celebración do evento, a maior parte, xente da comarca.

A particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado é unha das principais marcas de identidade do SonRías Baixas, que xa é toda unha referencia do verán en Galicia e no resto do Estado. Co slogan “de Festivaleiros para Festivaleiros” por bandeira, a organización artella cada ano unha completa programación musical que combina nomes consagrados e novas propostas e ofrécellela aos seus seguidores a uns prezos moi asequibles. Unha proposta á que este ano se sumou o patrocinio da principal marca de cervexa de Portugal, Super Bock, nunha alianza natural entre un dos festivais con máis personalidade e proxección do Estado e a gran marca da música e dos eventos culturais do país veciño. O Festival SonRías Baixas e Super Bock afrontaron esta colaboración coa vontade de tender pontes entre España e Portugal e contribuír así ao crecemento de ambas as marcas nos dous países. O evento tamén contou co apoio e colaboración do Concello de Bueu, da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, a través de Agadic. O Festival SonRías Baixas está producido pola empresa de produción e xestión cultural PlayPlan, en colaboración coa asociación cultural Troula na Banda, e conta co apoio de Rei Zentolo, Coca Cola, Johnnie Walker, Pescanova, Vermut Lodeiros, Gadis, FIC Bueu, O Rincón de Cela e Galicia Calidade.

The following two tabs change content below.
"Un hombre con una idea nueva es un loco hasta que la idea triunfa."
Etiquetado , , , , , , ,