A longametraxe Dhogs arrasa nos XVI Premios Mestre Mateo 2018

A longametraxe Dhogs arrasa nos XVI Premios Mestre Mateo.

  • A opera prima de Andrés Goteira conquistou 13 galardóns e converteuse no filme máis premiado da historia dos premios da Academia Galega do Audiovisual
  • A gala estivo liderada por mulleres en todos os ámbitos. Dirixiuna Marta Pazos e conduciuna Iolanda Muíños, acompañada polas actrices Paula Pier, Iria Acevedo, Iria Sobrado, Beatriz Serén, Rocío Barrio e Cris Iglesias. Os premios foron entregados por diversas profesionais de diferentes facetas do audiovisual galego

Dhogs acaparou 13 Premios Mestre Mateo na gran gala que celebrou a pasada noite no Pazo da Ópera da Coruña e converteuse, así, na produción máis votada da historia dos premios da Academia Galega do Audiovisual. A opera prima de Andrés Goteira conquistou os galardóns á mellor longametraxe e mellor guión, dirección e montaxe para o meirense, que comparte a última con Juan Galiñanes. As e os académicos recoñeceron tamén a interpretación protagonista de Melania Cruz e de Iván Marcos e a interpretación de reparto de María Costas e Antonio Durán “Morris”. Ademais do pleno nas categorías interpretativas, Dhogs gañou tamén os premios á mellor dirección de produción para Suso López, dirección de fotografía para Lucía Catoira Pan, música orixinal para Germán Díaz, dirección de arte para Noelia Vilaboa e son para David Machado e Javier Pato. A película, segundo anunciaron os seus responsables na Gala, chegará aos cinemas galegos en maio.

Outra ópera prima, A batalla descoñecida, neste caso dirixida por unha muller, Paula Cons, gañou o premio ao mellor documental. Moi novos tamén son os Porco Bravú, que gañaron o seu terceiro premio á mellor serie web con Peter Brandon. Matria, de Álvaro Gago, conquistou o de mellor curtametraxe e The neverending wall o de mellor curtametraxe de animación. Conserveiras do noso fixo o propio co de mellor anuncio e Troubled times (Green Day), de Manu Viqueira, co premio ao mellor videoclip.

Serramoura acadou por cuarto ano consecutivo o premio á mellor serie de TV, mentres que A Revista Fin de Semana gañou o de mellor programa de TV e Nieves Rodríguez o de mellor comunicadora polo seu traballo no Vaia Troula! Completa os premios televisivos o de Dani Viqueira Carballal e Veru Rodríguez Rodríguez pola realización de Tesouros no faiado.

Finalmente, Arantxa Domínguez gañou o premio ao mellor vestiario polo seu traballo en Juana de Vega, Vizcondesa do Arado e Chicha Blanco e Vicen Betí o de mellor maquillaxe e perruquería en Os fillos do sol.

Ademais de premiar a excelencia nas producións do ano, a Academia aproveita os Mestre Mateo para recoñecer a traxectoria de entidades e profesionais relevantes do audiovisual en Galicia co Premio de Honra “Fernando Rey” e co Premio Especial “José Sellier”. Este ano, as homenaxes foron para os Multicines Norte e para a actriz María Bouzas, que agradeceu o recoñecemento destacando que os Premios Mestre Mateo son un “espazo de liberdade, de creación e de respecto”.

A gala estivo liderada por mulleres en todos os ámbitos. Dirixiuna a directora e dramaturga Marta Pazos e conduciuna a actriz e presentadora Iolanda Muíños, acompañada no escenario polas actrices Paula Pier, Iria Acevedo, Iria Sobrado, Beatriz Serén, Rocío Barrio e Cris Iglesias. Os premios foron entregados por diversas profesionais de diferentes facetas do audiovisual galego: Sonia Méndez (cineasta, actriz e directora do festival Carballo Interplay), Nieves Rodríguez (presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia), Belén Brandido (rexedora de arte e localizadora), Virginia Curiá (directora de cine de animación), Marga Pazos (presentadora do Galicia Noticias da TVG), Giselle Llanio (directora e realizadora), Araceli Gonda (guionista), Alicia Dapena (deseñadora de vestiario), Isabel Rega (foquista), Beli Martínez (produtora e docente), Encarna Alonso (script), Isabel Blanco (delegada da fundación AISGE en Galicia) e Dolores Meijomín (coordinadora de política audiovisual da AGADIC).

XVI Premios Mestre Mateo 2018
 
CATEGORÍAS DE PRODUCIÓN
MELLOR ANUNCIO PUBLICITARIO: Conserveiras do noso (Miss Movies)
MELLOR CURTAMETRAXE DE AMINACIÓN: The neverending wall (Abano Producións)
MELLOR CURTAMETRAXE DE IMAXE REAL: Matria (Sombriza Films – Álvaro Gago, Alberto Gago e José Gago)
MELLOR DOCUMENTAL: A batalla descoñecida (Agallas Films)
MELLOR LONGAMETRAXE: Dhogs (Gaitafilmes e Pixel Films)
MELLOR PROGRAMA TV: A Revista Fin de Semana (Tempada 2017) (TVG)
MELLOR SERIE DE TELEVISIÓN: Serramoura (Capítulos 62 – 98) (Voz Audiovisual e CRTVG)
MELLOR SERIE WEB: Peter Brandon. Unha vida pola comedia (Capítulos 1 – 3) (Porco Bravú coa colaboración de Dinamo)
MELLOR VIDEOCLIP: Troubled times (Green Day) (Warner Bros Music e Manu Viqueira)
 
CATEGORÍAS PROFESIONAIS
MELLOR COMUNICADOR/A DE TELEVISIÓN: Nieves Rodríguez (Vaia troula!, Programas 133 – 148)
MELLOR DIRECCIÓN: Andrés Goteira (Dhogs)
MELLOR DIRECCIÓN DE ARTE: Noelia Vilaboa (Dhogs)
MELLOR DIRECCIÓN DE FOTOGRAFÍA: Lucía Catoira Pan (Dhogs)
MELLOR DIRECCIÓN DE PRODUCIÓN: Suso López (Dhogs)
MELLOR GUIÓN: Andrés Goteira (Dhogs)
MELLOR INTERPRETACIÓN FEMININA DE REPARTO: María Costas (Dhogs)
MELLOR INTERPRETACIÓN FEMININA PROTAGONISTA: Melania Cruz (Dhogs)
MELLOR INTERPRETACIÓN MASCULINA DE REPARTO: Antonio Durán “Morris” (Dhogs)
MELLOR INTERPRETACIÓN MASCULINA PROTAGONISTA: Iván Marcos (Dhogs)
MELLOR MAQUILLAXE E PERRUQUERÍA: Chicha Blanco, Vicen Betí (Os fillos do sol)
MELLOR MONTAXE: Juan Galiñanes e Andrés Goteira (Dhogs)
MELLOR MÚSICA ORIXINAL: Germán Díaz (Dhogs)
MELLOR REALIZACIÓN: Dani Viqueira Carballal e Veru Rodríguez Rodríguez (Tesouros no faiado, Tempada 1)
MELLOR SON: David Machado e Javier Pato (Dhogs)
MELLOR VESTIARIO: Arantxa Domínguez (Juana de Vega, vizcondesa do arado)
 
DHOGS, 13 PREMIOS
1. Mellor Guión Andrés Goteira
2. Mellor Dirección de Fotografía Lucía Catoira Pan
3. Mellor Dirección de Arte Noelia Vilaboa
4. Mellor Montaxe Juan Galiñanes e Andrés Goteira
5. Mellor Música Orixinal Germán Díaz
6. Mellor Son David Machado e Javier Pato
7. Mellor Dirección de Produción Suso López
8. Mellor Dirección Andrés Goteira
9. Mellor Interpretación Masculina Protagonista Iván Marcos
10. Mellor Interpretación Feminina Protagonista Melania Cruz
11. Mellor Interpretación Masculina de Reparto Antonio Durán “Morris”
12. Mellor Interpretación Feminina de Reparto María Costas
13. Mellor Longametraxe Gaitafilmes e Pixel Films

Photocall Premiados (Rocío Cibes)

The following two tabs change content below.
Etiquetado , , , , ,