O Festival Internacional Primavera do Cine de Vigo outorgará a Antonio Durán Morris unha mención honorífica

  • O recoñecemento á súa traxectoria será entregado durante a Gala Inaugural do Festival, prevista para o día 5 de maio.
  • O polifacético actor, procedente do barrio vigués de Teis, traballou en programas de radio, teatro, cinema e televisión.

A organización do Festival Primavera do Cine en Vigo outorgará ao actor vigués, Antonio Durán Morris, unha mención honorífica como recoñecemento á súa prolífica andaina profesional no panorama audiovisual galego e nacional. O acto de entrega terá lugar durante a Gala de Inauguración da VI Edición do Festival, prevista para o día 5 de maio no Auditorio do Concello da cidade de Vigo. A A.C. Reencanto Produccións, organizadora do certame, fará entrega ao homenaxeado dunha Oliveira Bonsai, facilitada por Casaplanta, con obxectivo de salientar o compromiso deste profesional coa realidade do seu país e do seu sector.

O GALARDOADO
Antonio Segundo Durán Moreiras naceu no barrio de Teis. Estudou no colexio Labor, onde pasou a ser Morris, e no Instituto de A Guía. Foi aquí onde deu comezo o seu interese pola actuación tras interpretar a don Ramonciño nunha representación de Os vellos non deben namorarse de Castelao. A partir de entón pasaría por varios grupos teatrais ata chegar á compañía Artello, da que foi confundador, e ao Centro Dramático Galego. En 1986 aterrou na emerxente TVG onde forxou a súa carreira como comediante, pasando a formar parte do imaxinario de varias xeracións de galegos.

Tamén no exercicio da sétima arte foi reclamado por directores do talle de Fernando León de Aranoa, Icíar Bollaín, Xavier Villaverde, Daniel Monzón, Luis Avilés, Ángel de la Cruz, Gustavo Balza, Ignacio Vilar ou Alfonso Zarauza. As súas interpretacións valéronlle galardóns televisivos e teatrais, así coma 15 nomeamentos aos Premios Mestre Mateo, dos cales se materializaron catro polas súas actuacións en O partido, Doentes, A Esmorga e Códice.

Morris foi, asemade, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia entre os anos 2010 e 2012. Na actualidade ten en pantalla Pieles, película de Eduardo Casanova que foi estreada na Berlinale e proxectada no Festival Internacional de Cine de Málaga. Como proxectos futuros destacan: a estrea, o vindeiro 27 de abril no prestixioso Bafici de Bos Aires, de Dhogs do director Andrés Goteira; a longametraxe Estación Violenta ou a súa participación na aposta televisiva, do grupo Atresmedia, coa ficción Fariña, baseada na reportaxe novelada homónima do xornalista Nacho Carretero.

The following two tabs change content below.
"Un hombre con una idea nueva es un loco hasta que la idea triunfa."
Etiquetado ,,,,,,

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *