O Galician Freaky Film Festival abre o prazo para recibir traballos na súa nova edición

  • O prazo para presentar os traballos audiovisuais estará aberto dende o 13 de febreiro ata o 27 de xuño.
  • O certame celebrarase do 28 ao 31 de outubro na Sala Videodrome e manterá intactas as súas ganas de desfrutar do frikismo máis bizarro ao modo galego.

Dende está mañá quedou aberto o prazo para inscribir traballos audiovisuais na nova edición do Galician Freaky Film Fest que voltará coa súa festa de vampiros, monstros, bechos, naves espaciais, mortos viventes e tódolos subxéneros imaxinables que conforman o fascinante mundo do cinema de serie B e o mundo freak.

“O ano pasado non cabía máis xente na sala” – comentou entusiasmado Juan de Castro, director do certame – “por iso nesta edición aumentamos un día máis o festival”. Así, o GFFF 2020, ampliará a súa proposta ata levala a catro xornadas que arrincarán o 28 de outubro e chegarán ata a mesma noite de Samaín, o 31 de outubro.

Por suposto, o espírito do certame mantén os seus pilares fundamentais. Pezas dos xéneros máis clásicos do mundo freak, exposicións, performances, concertos, cervexa e unha Sala Videodrome que se converterá un ano máis no perfecto espazo para albergar o que xa é unha cita imprescindible para os amantes do gore, das tramas máis incribles e do rural freak galego. “Non se trata só de ver as pelis” – relata de Castro – “sempre intentamos que o feito de achegarse ata a Videodrome sexa unha experiencia freak completa”.

Se o ano pasado, foron máis de 200 as películas que se enviaron para participar no festival e chegaron dende todas as partes do mundo, este ano a organización pretende superar esa cifra. “Recibimos traballos dende USA, Francia, Irán, Países Baixos” – engadiu Miriam P. Álvarez, encargada da produción do evento – “e ademais de moitísima calidade, por iso queremos ver que acontece se abrimos antes o prazo de recepción de traballos”.

Todos aqueles interesados en enviar os seus proxectos para seren seleccionados, poden consultar as bases na páxina web do GFFF e poderán facer a inscrición dende hoxe ata o vindeiro 27 de xuño a través de diferentes plataformas coma Movibeta, Clickforfestival, Clermont Ferrand ou o formulario propio na web do Galician Freaky Film Festival

Os organizadores anuncian sorpresas e, por enriba de todo, unha xenuína festa ó máis puro estilo friki.

O GALICIAN FREAKY FILM FESTIVAL

Despois de tres anos no que o Galician Freaky Film Festival non parou de medrar e conseguiu colgar o cartel de “completo” en moitos dos seus pases, o certame regresa unha vez máis a sala Videodrome e a cidade co fin de achegar todo tipo de filmes de terror e serie B. O mellor do peor da industria cinematográfica de Galicia, España e o resto do mundo.

Cabe destacar que na edición de 2019 volvéronse a bater as cifras de asistentes, superando o millar de persoas. Algo que demostra que os xéneros clásicos máis pulp: a fantasía, a ciencia ficción, o terror, o gore e toda a serie B en xeral, seguen a ser un éxito.

O gran obxectivo do GFFF é reivindicar e recuperar o espírito freak que acada o seu esplendor en Galicia grazas á Xeración Xabarín que bailaba os temas das bandas de Rock Bravú, cantaba o opening de Dragon Ball a pleno pulmón e pedía as películas do Vengador Tóxico no videoclube .

Etiquetado , , , , ,